Diversos particulares que se atopaban na zona da praia de Lóngara, na parroquia de San Pedro de Benquerencia (Barreiros) alertaron ao 112 Galicia dez minutos despois das 15 horas. No transcurso das conversas, indicaron que había unha persoa nunha táboa de surf á que estaba a levar a corrente. Varias testemuñas internáronse no mar para intentar rescatala, sen éxito. De feito, dúas delas eran incapaces de volver á beira.
Nada máis recibir os avisos, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil e dos membros da Agrupación Municipal de Protección Civil de Barreiros.
O Servizo de Gardacostas mobilizou ao seu persoal a bordo do helicóptero de rescate Pesca II, que co vento xerado nas súas aspas facilitou a chegada dos implicados á praia das Pasadas. Alí, os servizos de emerxencias comprobaron que todos se atopaban en bo estado.