Dúas das persoas que viaxaban nun dos automóbiles que chocaron onte frontalmente na Avda. das Americas- faleceron. As dúas viaxaban no vehículo que, presuntamente, invadiu o carril contrario.
Segundo informaba Axega, pasaban uns minutos das dez da noite de onte cando varias persoas marcaron o 112 para pedir axuda debido a unha colisión frontal entre dous turismos na Avenida das Américas, en Lugo. Todas urxían a asistencia sanitaria pola cantidade de feridos que había, e por que entre eles atopábase un bebé.
Decontado, contactouse con Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou varias dotacións ao lugar do accidente para atender a un total de oito persoas feridas de carácter grave, entre os que se inclúe o bebé.
Ademais, foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Lugo para rescatar a unha persoa que estaba atrapada nun dos coches implicados. Cómpre indicar que nun dos vehículos ían cinco persoas, mentres que no outro había tres pasaxeiros. En resumo, oito persoas que foron evacuadas ao Hospital de Lugo con lesións importantes.
En canto ás dilixencias en marcha para determinar as circunstancias do suceso, no lugar dos feitos estiveron os axentes de seguridade da Policía Local, Policía Nacional e da Garda Civil de Tráfico.