Dúas das irmás Paz Montenegro están expoñendo na sala da Deputación a súa obra máis recente, abrindo a campaña “(Re)Coñecer” que promove a Rede Museística provincial de Lugo.
Pretende a campaña, con toda a razón do mundo, poñer de manifesto o principal valor que para unha persoa supoñen os anos, a experiencia – en tempos afirmábase que era a nai da ciencia -, o paso pola vida con todas as pegadas que en nós van deixando as aventuras, os erros e os acertos, o feito de facer camiños ao andar.
Estas mulleres son dous exemplos de coñecemento froito de esforzo e de traballo: Concetta exprésase brillantemente en poesía e pintura despois dunha vida laboral dedicada ao ensino, iniciada nunha escola no máis alto de A Pontenova; Luísa, despois dun infarto cerebral tivo que aprender de novo a falar e a pintar coa man esquerda… E aí están, como monumentais exemplos de que só o que quere (neste caso, as que queren) chega á realización vital.
Teño que recoñecer que eu son parcial (como dicía Manuel María) das Irmás Paz Montenegro, fillas de Jesús Paz Cabo, xa por vilalbés, amigo, que foi compañeiro benquerido naquel vello Información y Turismo, e do que tanto aprendín. Coidaba sabelo todo sobre el, pero faltábame saber – nesta exposición están catro “plumillas” súas, como lembranza e homenaxe filial – que tamén era un magnífico debuxante. Era un firme loitador de memoria prodixiosa, gañou unha oposición con sesenta anos, escribía moi ben, e era o mellor mecanógrafo que teño visto na miña vida. Casado con Conchita Montenegro Codesal, tivo feminina familia numerosa. En traballo e en espírito, certifico que as fillas son dignas continuadoras de seu pai.