O Comité do Patrimonio Mundial reunido en Bonn ven de incluír os Camiños Primitivo e do Norte na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, valorou como “transcendente para o desenvolvemento cultural e económico de Galicia” este novo galardón “que sitúa ao noso país con cinco bens patrimonio da humanidade”.
“Un recoñecemento –continuou o conselleiro− do ‘Valor Universal Excepcional’ de catro rutas singulares: o Camiño da Costa, o Camiño Primitivo, o Lebaniego (Cantabria) e o Vasco-Rioxano, que abarca a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. Un recoñecemento destas rutas do Norte que conducen a Compostela desde o século IX até o presente. Un recoñecemento dun ben vivo, importante para o desenvolvemento sustentable das comunidades do Norte de España e, moi especialmente, de Galicia.”
Nesta liña, o titular de Cultura e Educación da Xunta destacou “a singular transcendencia para a Galicia interior e concretamente para Lugo, pola importancia que a declaración ten como recurso para o desenvolvemento, ademais de cultural e patrimonial, económico e turístico.”
En concreto por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Oviedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.
Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en concreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.
A declaración por parte do Comité do Patrimonio Mundial en Bonn supón a derradeira etapa dun proceso que comezou hai sete anos e co que a Xunta de Galicia estivo comprometido desde o primeiro momento.
Pola súa banda a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, amosou a súa satisfacción pola decisión da UNESCO de declarar Patrimonio da Humanidade o Camiño norte e Primitivo.
Elena Candia foi unha das primeiras en enterarse desta boa nova, xa que foi o propio Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, quen llo comunicou dende Boon.
Para Elena Candia é unha satisfacción que tanto a traza xa delimitada como as catedrais de Lugo e Mondoñedo e as dúas variantes, a que entra por Ribadeo e que entra por A Fonsagrada, teñan este recoñecemento.
A presidenta, que agradeceu o traballo de todos os que o fixeron posible, ve nesta decisión un recoñecemento internacional “ao noso patrimonio”, que agora ten “repercusión mundial”.