Os centros de convivencia de Lugo contarán cunha ampla e variada programación sociocultural

A área de Cohesión Social, que dirixe a edil Ana González Abelleira, vén de deseñar da man das e dos técnicos municipais, un variado programa que contempla accións lúdicas pero tamén socioeducativas e psicofísicas coas que “dende o Executivo local pretendemos mellorar a calidade de vida da veciñanza e atender as demandas que nos traslada, contribuíndo ao mesmo tempo a avanzar nunha sociedade inclusiva e integradora”, sinalou a rexedora.

Así, entre o 2 de novembro e o 31 de maio de 2024, os diferentes centros de convivencia da capital (Fingoi, Lamas de Prado, María Balteira, Maruja Mallo, A Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra), ofrecerán un amplo catálogo de cursos cos que a área de Cohesión Social ten por obxecto atender as necesidades físicas e emocionais das e dos residentes en cada contorna.

A concelleira responsable avanzou que se manteñen as de contido social, “como poden ser Envellecemento Activo; Repasando Cousas; Memoria e Lembranzas; o Uso de Teléfonos Móbiles en distintos niveis ou a Informática para Relacionarse, pero tamén outras de tipo psicofísico, como a Ximnasia e a Bioximnasia, Pilates, Ioga ou Relaxación así como aquelas coas que pretendemos fomentar as relacións interxeracionais entre a mocidade e as persoas adultas a través da Risoterapia Musical, os Bailes de Salón, a Pintura e as Manualidades”.

Ana González Abelleira adiantou, así mesmo, que haberá clases de Cociña Saudable Intercultural, Costura e de Encaixe de Palillos. “Seguen as Aulas Abertas, o Club de Lectura e tamén os talleres dirixidos a mellorar a inclusión como o Reforzo Educativo e a Integración a Través da Lingua, ao tempo que faremos obradoiros para datas especiais centrados no outono, o Nadal ou o Entroido”.

Prazo de inscrición e publicación das listas

O prazo de inscrición para apuntarse á programación sociocultural do Concello de Lugo comezará o próximo luns, día 18 de setembro, e rematará o venres 22. As solicitudes poderán presentarse en horario de mañá (de 09:00 a 13:00 horas) nos centros cívicos ou a través do rexistro electrónico do Concello coa limitación dun máximo de tres instancias por persoa e centro e dunha solicitude para os obradoiros psicofísicos por centro e ata un máximo de tres centros.

A adxudicación das prazas farase por sorteo informático público que terá lugar o próximo 27 de setembro ás 11:00 horas procedendo, a continuación, á publicación das listas provisionais e de reserva.

As listas definitivas exporanse o 16 de outubro nos taboleiros dos centros.

As actividades teñen na súa maioría unha cota simbólica, a máis cara ascende a 20€ para toda a tempada, sendo outras moitas gratuítas, “en prol da inclusión e para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades de toda a cidadanía”, concluíu Ana González Abelleira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com