Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, solicitamos, un ano mais, a colaboración cidadán e pregamos a todos e a todas que, no caso de ser testemuña dunha agresión machista, ou, sinxelamente, ante a sospeita de que se estea a producir, non dubiden en dar a voz de alarma chamando ao 091 (Policía Nacional) ou ao 092 (Policía Local).
Todos sabemos que estas datas son de especial risco, tanto para as mulleres que, por desgracia, xa son vítimas da violencia machista, como para as potenciais.
O incremento de saídas, do ocio nocturno, o maior consumo de alcohol e mesmo doutras substancias que potencian a agresividade dos que xa agrediron ou sexan potenciais agresores e que, tamén hai que dicilo, en moitos casos, restan a capacidade de reacción e, porén, de defensa, das vítimas, entre outros factores, fan que estas datas, como todas as de lecer, sexan auténticas bombas de reloxería no que atinxe a violencia de xénero, polo que toda colaboración é pouca e, ademais, vital.
Non esquezamos, por outra banda, que dar a voz de alarma ante calquera episodio de violencia machista é unha obriga que todos e todas temos, e que algo tan sinxelo como unha chamada de teléfono pode evitalo ou, tal vez salvar, unha vida.
Non hai complicacións posteriores, ninguén está obrigado a identificarse no momento de facer esa chamada.
50 mulleres foron asasinadas ata agora neste ano polas súas parellas ou ex parellas. Por favor, non colaboremos a que esta macabra lista continúe medrando. Non sexamos cómplices.
Non esquezades que tal vez hoxe é unha muller descoñecida a agredida ou a asasinada, pero a vida da moitas voltas, e mañá, por imposible que nos pareza, pode ser a vosa irmán, a vosa filla, vos mesmas, e que o silencio cómplice de quen vendo, sabendo, ou sospeitando, cala, ademais de ser un delito, pode ser a súa sentencia de morte, a vosa sentencia de morte.
Lembrade, 091 (Policía Nacional), 092 (Policía Local).
UNHA SINXELA CHAMADA PODE SALVAR UNHA VIDA. PAGA A PENA, NON SI?.
Asociación Si, hai saida