Foi un particular quen, minutos despois das 18 horas, contacto co 112 Galicia para informar do accidente, que se produciu no quilómetro 2 da LU-760, na parroquia de Fraialde.
Á súa chegada, os profesionais sanitarios confirmaron o falecemento dunha das dúas persoas que viaxaban no vehículo, cuxo corpo tivo que ser liberado polos Bombeiros de Vilalba.
Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pol. O outro ocupante do coche foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Asemade continúa o rescate dun home que chamou ao 112 Galicia tras quedar atrapado baixo as pólas dunha árbore nunha leira en Cervantes. O propio implicado púxose en contacto co 112 Galicia desde o lugar do accidente, ás 19 horas. Na súa comunicación, explicaba que estaba cortando unha árbore cunha motoserra cando varias pólas caeron sobre a súa perna, atrapándolla. Ademais, o ruído producido polo aparello, que permanecía acendido a poucos metros do home, ademais da pouca cobertura dispoñible na zona, dificultaban a comunicación.
Este operativo contou coa colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Sarria, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Cervantes. Ademais, informouse a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
Os membros de Protección Civil procederon a cortar as pólas da árbore caída para acceder ao ferido e, pouco antes das 21 horas da noite, confirmábase que xa estaba liberado, consciente e atendido polo persoal sanitario.
Contra as 21:30 horas, os equipos de emerxencias seguen traballando no punto a fin de completar o rescate, de difícil execución debido ao escarpado do terreo.