O festival Castañazo volve a Chantada despois de catro anos, cun cartel que mestura unha morea de bandas galegas e estatais. Celebrarase da man da Asociación O Castañazo entre os días 27 e 28 de outubro.
Fillas de Cassandra, Narco, Tremenda Jauría, Lágrimas de sangre, Rastreros e Grande Amore tocarán o venres 27; e o sábado 28 será a quenda para Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre & Scilla, Arrhythmia e Rebeliom do Inframundo.
O cartel musical complétase cunha programación aberta e de balde, como o Ourizo Rock, con propostas pensadas para público infantil – actuacións dos combos xuvenís da Casa da Música de Chantada e Ramón Gato, e o espectáculo teatral Mus Museum de A Run Run Teatro – o sábado pola mañá, no Auditorio Municipal; e Cantos de Taberna e un pasarrúas de Mekanika Rolling Band ao longo da tarde, ademais dun magosto popular.