O Concello de Lugo busca dinamizar as visitas ao cemiterio municipal con diversas actividades enmarcadas nas celebracións do 1 de novembro.
Un ano máis repetirase a iniciativa da ‘árbore da luz’, na que todas as persoas que se acheguen ao camposanto poderán deixar as súas mensaxes para os defuntos a través de cintas que se colgarán da árbore instalada na entrada.
O 29 de outubro e o 1 de novembro, o cemiterio encherase de música durante todo o día, coas agrupacións da asociación Músico Crisanto realizando distintos concertos entre as 11:30 e as 13:30 horas, e pola tarde de 16 a 18 horas. O día 2, celebrarase a ofrenda floral da Corporación Municipal a todos os defuntos do Cemiterio Municipal, mentres que as lecturas dramatizadas de Don Juan Tenorio, a cargo de Palimoco Teatro, terán lugar o día 9 a partir das 20:30 horas; e o día 19, con dous pases ás 19:30 e ás 20:30. As entradas para ambas representacións teatrais poderanse retirar na Oficina de Turismo da praza do Campo, ou reservarse chamando ao Cemiteirio.
As actividades continuarán co concerto da lembranza o 08 de novembro ás 18:30 horas; e co IX Concurso de Fotografía Estampas de Paz e Acougo, que terá lugar do 01 de outubro até o 30. Nesta edición versará sobre a simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. Pode consultarse máis información contactando coa área de Participación.
Para reforzar o aumento das visitas ao camposanto polo Día de Defuntos, os días 30 e 31 de outubro e o 1 de novembro reforzarase o bus urbano que conecta o centro co Cemiterio, habilitando liñas especiais comunicando de xeito continuo o Cemiterio coa rolda da Muralla.