Nunha xornada organizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar baixo o lema “Vivir do Mar, Tecer o Futuro”, o GAC 1: A Mariña – Ortegal fará balance dos proxectos executados entre 2007 e 2013, e plantexará as liñas estratéxicas do novo plan de investimentos que a Comisión Europea de Pesca enviará a Galicia entre 2015 e 2020. A xornada celebrarase o vindeiro martes 7 de xullo na sede do Arquivo Histórico da Confraría de Pescadores de Burela.
No anterior período a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou nos territorios costeiros de A Mariña e Ortegal un total de 62 proxectos dos GAC por valor de máis de 2 millóns de euros, que se destinaron a apoiar proxectos relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalaría e a recuperación do patrimonio.
A xornada do martes será a primeira dunha serie de encontros que se levarán a cabo en todos os GAC de Galicia durante o mes de xullo e que culminarán cun encontro final na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, no que participarán membros de todos os Grupos de Acción Costeira galegos. Esta xornada final, que se celebrará no mes de setembro nunha data aínda por fixar, servirá para presentar as conclusións destas xornadas previas celebradas en cada GAC, debatelas e intercambiar experiencias e impresións de cara a trazar liñas e proxectos conxuntos entre os distintos territorios costeiros.