A concelleira de Urbanismo remitiu esta mañá unha comunicación á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na que esixe á Xunta toda a posible documentación xerada ao respecto do PXOM de Lugo dende a solicitude de rexistro efectuada polo Concello en xullo. “Ante a falta de comunicación oficial por parte do ente autonómico, e a raíz da filtración de informacións oficiosas aos medios de comunicación que están a xerar inseguridade entre a veciñanza, o Concello vaise persoar para poder acceder á información que a Xunta non nos facilita”, sinalou Paula Alvarellos.
Ademais, a edil acusa á Xunta de empregar o estado do PXOM con fins partidistas. “Todo o que sabemos ao respecto do estado do rexistro do PXOM é o que Executivo galego filtra aos medios de comunicación nun acto de deslealdade institucional sen precedentes na nosa cidade. Non consta nin un só requirimento de documentación, nin ningunha petición de subsanación de erros, nin moito menos ningunha petición de reunión, ben técnica ou política, efectuada por parte da Xunta ao respecto do Plan Xeral. Sospeitamos que todo forma parte dunha campaña orquestrada para intentar obter rédito electoral convertendo un documento clave para o futuro da cidade nunha arma arreboladiza e nunha batalla entre administracións na que usa aos veciños e veciñas de Lugo como reféns”, sinalou.
Tamén se pronunciou a alcaldesa de Lugo, que afeou o “uso partidista” das institucións galegas e afirmou que a súa man “está tendida” para por en marcha o Plan Xeral “que permita seguir avanzando no crecemento da cidade”.