A mostra ‘A memoria do son’, composta por varias réplicas de instrumentos medievais do Centro de Artesanía e Deseño, inicia en Lugo unha itinerancia polos conservatorios de Galicia.
Esta tarde inaugurouse a exposición no Conservatorio de Música Xoan Montes. A exposición inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez; ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos como o os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.
No último ano e medio, expúxose nunha trintena de localidades de Galicia e noutros puntos de España e, coa inauguración de hoxe, inicia unha itinerancia coa que se pretende chegar aos conservatorios de Galicia.
Ademais das reconstrucións de instrumentos medievais, a mostra inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poden interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel, pero tamén está dispoñible para descargar, en formato pdf, na web cultura.deputacionlugo.gal.