A organización do Concello quedará pechada no Pleno este venres

Os asuntos aprobados na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada este martes permiten avanzar na organización interna do Concello para este mandato, que quedará pechada no Pleno deste venres, segundo anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández. A sesión terá lugar ás 10.00 horas.

Na Xunta de Goberno desta mañá formalizouse a estructura do goberno local, tanto a distribución das áreas e o nomeamento dos tenentes de alcalde, como a composición da Xunta de Goberno que funcionará tras o Pleno de Organización, e que substituirá á actual constituída con carácter provisional.

“En canto aos tenentes de alcalde, Ana Prieto será a primeira tenente de Alcalde; eu, o segundo tenente de alcalde; Carmen Basadre, a terceira tenente de alcalde, seguida de José Manuel Díaz Grandío, que será o cuarto tenente de alcalde, Ana María González Abelleira, a quinta tenente de alcalde; Daniel Piñeiro, o sexto; e Juan Carlos González Santín, o sétimo”, sinalou Fernández. Polo que respecta á Xunta de Goberno, estará presidida pola Alcaldesa e dela formarán parte os 7 concelleiros do equipo de goberno.

Outro dos asuntos aprobados hoxe foi o cadro de persoal de apoio da Corporación. Das 17 dedicacións do anterior mandato, baixouse a 14,5, das que 8,5 estarán asignadas aos grupos políticos con representación municipal e 6 ao Goberno. “Esta proposta supón un aforro duns 100.000 euros anuais con respecto ao mandato pasado”.

Asemade, acordouse a supresión do posto de coordinador de Alcaldía, xa que polo momento non haberá esta figura en ningunha área de goberno. Estase estudiando a necesidade organizativa dos coordinadores nas diferentes concellerías.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou unha proposta para a modificación do Orzamento xeral deste ano 2015 para adaptalo á nova composición da Corporación, e que irá ao Pleno de organización. Trátase dunha redistribución das partidas máis xenéricas, pois antes das eleccións do 24 de maio estaban pensadan para tres grupos que finalmente resultaron ser seis.

Tamén referido á organización do Concello, acordouse a adscrición dos concelleiros a órganos colexiados con representación municipal. O nomeamento segue a mesma liña que ata o de agora. Naqueles órganos cun carácter institucional máis marcado, como pode ser a FEGAMP ou a FEMP, estará a Alcaldesa, e nos relacionados cunha determinada temática, como poden ser os consellos escolares ou cuestións urbanísticas, estará o correspondente concelleiro delegado.

O voceiro socialista confirmou que o reparto de locais da casa consistorial entre os 6 grupos con representación municipal quedará pechado ao longo desta mesma mañá.

No tocante á recente imputación do Secretario Xeral do PSdG, José Ramón Gómez Besteiro polo caso Garañón, Miguel Fernández afirmou que dende o seu partido respetan a presunción de inocencia, e que só no caso de que a imputación dea paso á apertura de xuicio oral, tomaranse medidas ao respecto.

Doutra banda, e logo da celebración da Xunta de Goberno Local de hoxe, o voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, criticou “a falta de dialogo do goberno local por non ter en conta as propostas de catro dos seis grupos que conforman a oposición”. Arroxo pediu unha vez máis, a celebración dunha Xunta de Portavoces previa á celebración do Pleno de Organización.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com