Os bombeiros de Lugo protestarán ante a Deputación o vindeiro martes 31 de outubro para reclamar melloras nas súas condicións laborais. Esta mobilización é a cuarta en Galicia dende que os brigadistas dos parques comarcais están de folga -que comezou xa en xuño-. Das tres anteriores convocatorias, a máis sonada foi a que se celebrou ante a Deputación de Ourense, na que houbo moitos momentos de tensión e incluso de violencia entre os bombeiros que quería entrar no edificio para reunirse co presidente da Deputación e os policías que o impediron.
Tras a convocatoria de Lugo, os bombeiros galegos farán unha nova manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de novembro. O día 20 celebrarán unha asemblea na que valoraran o conseguido ata o momento e na que decidirán a posibilidade de emprender novas accións, coma peches dos parques ou unha folga dos case 500 bombeiros de toda a comunidade galega.
As reclamacións que veñen facendo os brigadistas galegos dende o pasado mes de xuño son un convenio unificado para as catro provincias, fixeza no emprego e máis efectivos materiais e humanos. Ata este mes recomendaron non secundar a folga, pero trala asemblea do pasado 9 de outubro, na que a Vicepresidencia da Xunta e as catro Deputacións Provinciais non se presentaron, decidiron comezar cunha serie de mobilizacións que se estenderon por toda a comunidade ao longo deste mes.