A xunta local de seguridade analiza a situación da delincuencia en Ribadeo

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, copresidiron esta mañá a reunión da xunta local de seguridade do Concello mariñán, na que analizaron os datos da delincuencia no municipio no que vai de ano, e dos que se desprende un lixeiro descenso das infraccións penais, mantendo a tendencia iniciada a finais de 2013.

Na reunión recoñeceuse un lixeiro aumento dos delitos contra o patrimonio, marcado principalmente polos roubos en vivendas que se rexistraron durante os meses de abril e maio, sobre todo en vivendas unifamiliares de zonas illadas ou segundas residencias, onde os delincuentes teñen máis facilidades para actuar sen seren sorprendidos.

O subdelegado afirmou ser consciente da preocupación cidadá e asegurou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado intensificaron a vixianza. Ademais, animou aos veciños a tomar medidas de autoprotección para evitar roubos en vivendas que quedan baleiras, como dar a sensación de que a vivenda está habitada, pechar portas e fiestras, non comentar os plans de viaxes con descoñecidos ou nas redes sociais e evitar gardar obxectos de valor no caso das segundas residencias.

Os membros da xunta local de seguridade destacaron o traballo “eficiente e minucioso” dos corpos policiais para tratar de “seguir rebaixando o volume de delincuencia” no municipio e valoraron o elevado grao de eficacia acadado no esclarecemento dos feitos delictivos que se chegan a producir. No que vai de ano, a Garda Civil detivo a 15 persoas en Ribadeo pola súa implicación neste tipo de feitos.

No transcurso da xuntanza desta mañá acordouse tamén reforzar a vixianza por parte dos distintos corpos policiais durante estes meses de verán, nos que a localidade mariñana ve multiplicada a súa poboación, especialmente no transcurso das celebracións máis destacadas, como o Ribadeo Indiano ou as festas patronais.

Así, e aínda que o Concello se encarga de deseñar os respectivos dispositivos de seguridade atendendo á súa competencia, adiantouse que os efectivos de Policía Local reforzarán a súa labor e contarán coa colaboración da Garda Civil para velar polo mantemento da orde pública e previr a comisión de posibles feitos delictivos.

O subdelegado do Goberno informou tamén do traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para favorecer a seguridade dalgúns dos colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores ou os escolares. Neste sentido, Ramón Carballo referiuse ás charlas impartidas no marco do Plan Maior de Seguridade, posto en marcha polo Ministerio, nas que os axentes informan ás persoas de máis idade dos riscos que constitúen unha maior ameaza para a súa seguridade e as medidas de autoprotección que poden adoptar.

En canto aos escolares, o subdelegado aludiu a outro plan posto en marcha a nivel nacional, oPlan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos, neste caso dirixido á comunidade educativa. Así, no curso 2014/2015, impartíronse 13 charlas en centros educativos de Ribadeo sobre temáticas como o acoso escolar, o riscos do uso inaxeitado de internet e as novas tecnoloxías, a prevención de incendios ou o consumo de drogas. No mesmo período, beneficiáronse do plan 127 centros de ensino e máis de 14.500 alumnos en toda a provincia.

Na reunión desta mañá participaron, ademais do subdelegado e o alcalde de Ribadeo, representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local, entre outros.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com