Esta mañá centenares de bombeiros de toda Galicia saíron ás rúas de Lugo para pedir melloras do seu convenio laboral. Cunha escenografía que representaba a morte do seu consorcio, desplazáronse ata a Praza de San Marcos con coroas de flores, un ataúde e incluso unha banda de gaiteiros.
Ante a sede da Deputación de Lugo desplegouse un gran dispositivo antidisturbios da Policía Nacional, que pechou a Praza de San Marcos, para evitar que se repetiran escenas como as do pasado día 23 de outubro, cando as protestas dos bombeiros ante a Deputación de Ourense deron lugar a enfrentamentos entre policía e brigadistas. Por sorte, desta vez as protestas desevolvéronse de forma pacífica.
As Deputacións e a xunta responden
Ante as protestas que os bombeiros foron realizando ao longo da xeografía galega, esta tarde as catro Deputacións provinciais e a Xunta de Galicia emitiron un comunicado conxunto no que sinalan que o convenio presentado polo sindicato “non é viable nin económica nin xuridicamente”.
“A materialización e implementación das previsións contidas nesa proposta de convenio invalidarían a xustificación do cambo do modelo de xestión acordado no seu día, tendo en conta que os citados acordos están vixentes e son firmes, xa que foron aceptados por ambas partes, e que nunca foron impugnados ante calquera autoridade laboral ou xudicial”, recolle o comunicado.
Neste texto, asinado polos catro presidentes das deputacións galegas e polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, piden ao colectivo de bombeiros que presenten unha nova proposta de convenio “viable para as dúas partes” e que “responda aos criterios aos que as administracións públicas se ven sometidas de acordo coa Lei de Orzamentos do Estado (…) e as demais disposicións legais de aplicación, así como a xurisprudencia existente”. Tamén piden unha reconfiguración do modelo de reunións nas que se levan a cabo as negociacións, para que sexan máis dinámicas e operativas para “poder chegar a acordos”.
No comunicado tamén fan un aviso aos bombeiros de que a rotura dun acordo firme ten consecuencias, como a “posibilidade de interpoñer reclamacións legais ante os tribunais”.