Tino Grandío

O Museo de Lugo ven de abrir unha sala dedicada ao pintor Tino Grandío, sendo importante noticia polo que o pintor significa para os lucenses, e polos cadros que se expoñen.

Tino naceu en Lousada de Guntín en 1924, e morreu en Madrid aos 53 anos. Como pintor gozou moi axiña de sona e acadou lugar de honra no panorama artístico de Madrid e de toda España. Foron triunfais as súas exposicións en Madrid, Barcelona, Lisboa, París, Alexandría, Munich ou Nova Iork, e foi pintor querido e cotizado. Referencia especial en tempos foi o retrato que lle fixo a Franco, onde se apreciaba a importante decrepitude do dictador nun tempo no que un realismo así podería terlle creado problemas.

Se é importante a nova sala en si, tamén o é porque os cadros foron cedidos pola familia Figueroa, sendo Rosendo Figueroa, viuvo de Ana Codesal, o que entregou ao Museo 8 cadros e 8 debuxos do pintor, que de Pura Grandío, irmá de Tino, pasaron á súa filla Ana, e falecida esta o pasado ano, o viuvo cumpríu o desexo da súa dona de que as obras estivesen no Museo Provincial, nunha sala que honrase ao pintor.

Que un acontecemento coma este se produza, fainos pensar na grandeza das institucións que democratizan a cultura, posibilitando que a arte chegue a todos nós directamente ou a través da súa difusión. E tamén na responsabilidade dos posuidores de obras de arte que forman parte da nosa cultura para buscar xeito de compartilas con toda a sociedade.

Conxuntando eses dous elementos – servizo divulgativo á cultura e compartir con todos o patrimonio cultural privado – conséguese algo grande, do que na sala Tino Grandío do Museo temos boa proba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com