O Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO vén de presentar un proxecto no que afirma que a praia fluvial que o Concello tiña previsto construír sería perxudicial para o entorno natural do río Miño.
O informe, solicitado o pasado mes de xuño pola Sociedade Galega de Historia Natural, sinala que a construcción desta praia reduciría e alteraría o hábitat fluvial, afectando a especies protexidas, a raíz do “incremento de ruído, pisoteo, residuos, facilitación de dispersión de especies exóticas invasoras, etc”.
O proxecto tamén chama a atención sobre o perxudicial da translocación das poboacións naturais de bivalvos acuáticos do Miño, xa que esta construción resultaría “contraria” a manter o seu estado de conservación. “Este tipo de propostas son dificilmente asumibles na xestión prudente e racional da biodiversidade que expón tanto o Convenio da Diversidade Biolóxica, a Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea ata 2030 e o recentemente aprobado Marco mundial Kunming-Montreal da Diversidade Biolóxica”, afirman no escrito.
Reserva da Biosfera Terras do Miño
Ao longo de todo o informe recálcase a importancia da Reserva da Biosfera Terras do Miño, puntualizando non só a importancia do entorno, senón tamén a existencia de hábitats e especies de flora e fauna endémicas, raras e ameazadas que, a pesar de estar tan preto dun núcleo urbano como a cidade de Lugo, se manteñen en bo estado de conservación.
Concretamente, na zona onde se pretende instalar as piscinas destacan unha colonia de bivalvos acuáticos que están protexidas (Unio delphinus, Potomida littoralis e Margaritifera margaritifera), o peixe espiñento (catalogado como vulnerable), unha planta coñecida como ninfeido (considerada en perigo de extinción), e unha importante presenza de aves, anfibios, reptís e mamíferos que habitan o tramo do río entre a ponte romana e antiga pesqueira A Illa e das que moitas das cales “figuran no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial”.
Antecedentes
Esta non é a primeira vez que a Unesco tomba un proxecto do Concello de Lugo. Alá polo ano 2007, ano no que Xosé López Orozco era alcalde, un informe da Icomos -un órgano asesor da Unesco- desaconsellou establecer o novo auditorio de Lugo no cuartel de San Fernando polo “impacto visual” que causaría sobre a Muralla Romana. O novo emplazamento do Auditorio trasladouse á Avenida de Magoi, onde 16 anos despois aínda non foi inaugurado.