Os estudantes dos colexios Quiroga Ballesteros e A Milagrosa poderán chegar a clase en autobús durante o tempo que duren as obras de peatonalización na contorna da praza do Ferrol e Quiroga Ballesteros. Así o anunciou o Concello de Lugo, que habilitou unha liña de bus para “axilizar o acceso do alumnado aos centro e facilitar o traslado para as súas familias”.
Esta liña comezará o seu funcionamento regular o vindeiro luns, e contará con catro paradas no seu itinerario. O horario de chegada a destino queda establecido para ás 08.55 horas, mentres que o de retorno a casa está fixado para as 14.05 horas.
A primeira parada será na praza Conde Fontao, nas inmediacións da estación ferroviaria. A segunda situarase na avenida Infanta Elena, na contorna do parque da Milagrosa, a altura da Casa do Deporte. O terceiro punto de captación estará na Avenida da Coruña, fronte ao número 136, nun espazo central desta vía. Finalmente, o punto de destino e inicio da viaxe de volta estará situado na confluencia desta última rúa coa Rolda da Muralla, nas inmediacións da porta de San Fernando. Desde este punto o alumnado accederá aos centros camiñando, guiados en todo momento por dous acompañantes.
Segundo o consistorio lucense, este recurso púxose a disposición dos centros en setembro, e dende entón colaboraron para establecer as paradas e os horarios máis oportunos en función das necesidades das familias e alumnado.