O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo entrára en vigor mañá na súa totalidade. Coa súa aparición no Boletín Oficial da Provincia, o PXOM poderá aplicarse despois dunha década de tramitación administrativa
Este proceso puido saír adiante trala inscrición do documento no Rexistro Xeral de Planeamento Urbanístico de Galicia por parte da Xunta o pasado venres, e despois de que o Concello lle enviara a memoria xustificativa que acreditaba o cumprimento dos condicionantes sinalados pola Consellería de Medio Ambiente e aos que supeditaba a súa valoración favorable ao texto.
A aprobación do PXOM de Lugo desbloquea 915.000 m2 de solo rural urbanizable, 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurban -cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas- e a transformación de 1.364.000 m2 de solo urbanizable industrial. Segundo o Concello, tamén permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en 412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións, 933.268 m2 de espazos verdes e libres e 77.753 m2 dispoñibles para a interconexión do territorio.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, definiu este día como “histórico”, xa que “suporá un antes e un despois para o noso crecemento racional e sustentable porque, por fin, permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba máis dunha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”.
O PP agradece á Xunta a súa implicación
O PP de Lugo pronunciouse cun agradecemento á Xunta por implicarse á hora de desbloquear o 5% do PXOM: “Grazas á postura dialogante da administración autonómica na que en todo momento antepuxo os intereses dos cidadáns por encima doutros partidistas hoxe a aprobación definitiva do documento urbanístico máis importante de Lugo é unha realidade”.
Tamén anunciaron a posta en marcha de 14 encontros con veciños para detallar o plantexamento final e resolver as posibles dúbidas. Entre o 15 e o 18 de novembro terán lugar as sete primeiras xuntanzas nos locais sociais de Saa, Meilán, Orbazai, Castro, Esperante, Romeán e Teixeiro, e que versarán sobre a zona rural.
A seguinte semana os populares estará nos entornos próximos a espazos urbanos como son Ceao, Ramil, A Campiña, zona de Alto, Galegos, Ronda Norte e San Lázaro