Un lume orixinado no motor dun conxelador obrigou a intervir aos equipos de emerxencia no concello lucense de Palas de Reis. O incendio consumiu dous de eses electrodomésticos, unha neveira, unha bicicleta e tamén algúns xoguetes. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada dun veciño ás 16:00 horas do sábado. No seu relato, indicaba que ardía a planta baixa dunha vivenda do lugar da Leboreira, na parroquia de Augas Santas. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Friol-Palas e dos efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar, o GES informou ao 112 que a rápida actuación dos particulares facilitou o control da situación. De feito, malia que o incendio afectara toda a planta baixa do inmoble, ninguén resultou afectado e a súa intervención cinguiuse a refrixerar e ventilar o espazo.
Desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.