Os concellos de Rábade e Monterroso están poñendo en marcha sendas campañas para participar no 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Monterroso
O Concello de Monterroso difundiu hoxe unha campaña contra a violencia de xénero baixo o lema ‘O futuro necesítanos libres. Monterroso contra a violencia’. Trátase, segundo explican desde o equipo de goberno, de seguir visibilizando a importancia deste tipo de iniciativas que pretenden concienciar desde todos os ámbitos sociais.
O cartel que protagoniza esta iniciativa foi elaborado polo alumnado de 1° da ESO do IES de Monterroso e vaise colocar en todos os espazos públicos municipais, así como en todos os comercios e establecementos da vila. O Goberno local agradece a colaboración dos escolares, así como de todos os negocios que van axudar coa súa difusión.
Rábade
O Concello de Rábade pide colaboración á cidadanía para a posta en marcha dunha actividade contra a violencia machista. Dende o consistorio precisan 52 mulleres voluntarias para o acto central que terá lugar o 24 de novembro en contra da violencia de xénero coa fin de dar visibilidade ás vítimas desta lacra social.
Para apuntarse hai que chamar ao departamento de Servizos Sociais no teléfono 982 39 00 62.