A CIG afirma que a empresa GTT, que se encarga do servizo de xestión da recadación do Concello de Lugo, vén de despedir unha traballadora alegando unha baixada da actividade. A representación da CIG denuncia que este despedimento se produciu porque a empresa subcontratou parte do servizo a outra compañía e por iso lle reclama ao Concello que revise se GTT cumpre co estabelecido nos pregos de condicións e actúe en consecuencia.
Dende o sindicato aseguran que neste intres a empresa non cumpre co requisitivo de ter un mínimo de dous notificadores que marcan os pregos, e que estes despedimentos se producen porque GTT subcontratou parte do servizo de notificacións en setembro de 2020 e agora utiliza esta diminución da actividade para xustificar a rescisión do contrato da traballadora.
A CIG considera moi grave que unha empresa que presta servizos para a administración pública actúe desta maneira, ofertando o persoal necesario para obter a maior puntuación e despois externalizando o servizo noutra empresa cunhas condicións que non están reguladas no prego en canto ao convenio de aplicación, salarios e outras condicións laborais.
Diante disto, a delegada da CIG dirixiuse por escrito á Concellaría de Economía e Recursos Humanos e aos departamentos de Tesoureiría e Contratación para que revisen a actuación da empresa, xa que non está a cumprir co requisito mínimo de axentes notificadores, e ademais porque non consta que realizara a obrigada comunicación ao Concello cando procedeu a subcontratar parte do traballo.