A deputada do BNG no Parlamento, Carme Aira, denunciou a presenza de vermes soldado que ameazan cultivos e praderías. Dende o BNG aseguran que Lugo está a sufrir os efectos do verme xa que “as praderías son moi importantes para alimentar a cabana bovina”, e que o insecto se está a estender por toda a provincia chegando á Pastoriza dende a Mariña.
“Os danos foron moi importantes e afectan, sobre todo, á gandería extensiva dedicada á produción cárnica e á de leite de pastoreo. Estes danos víronse agravados por non haber ningún produto fitosanitario autorizado para botar sobre o pasto o cal permitiu que se reproduciran ao calor do outono”, afirman dende o BNG.
Dende o partido nacionalista solicitan á Xunta que faga unha avaliación dos danos sufridos polos pastos nas zonas afectadas, monitorizando a súa recuperación e establecendo unha liña de axudas para paliar as perdas ocasionadas por este ataque; tratar co Ministerio a autorización de produtos químicos e/ou biolóxicos para a loita desta praga; e artellar mecanismos para o ano que permitan a detección do incremento de exemplares de avelaíña que poidan indicar un novo ataque.
“Debemos evitar que esta praga se siga estendendo e se converta nun novo problema para o noso rural xa bastante abandonado por este goberno da Xunta” concluíu Carme Aira.