Arrincan as Xornadas Luis Asorey, que abordan o valor e potencial dos soutos

A Deputación de Lugo inaugurou onte a 34ª edición das xornadas Luis Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación e o Campus Terra. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro día 22 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano abordan ‘Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais’.

O deputado Rivera Capón abriu o foro, que reúne un cento de participantes, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o Catedrático Antonio Rigueiro, coordinador das xornadas. Salientou a actualidade e a oportunidade da temática desta edición, polo valor e potencial que teñen os soutos para a provincia e o conxunto de Galicia, tanto a nivel económico, como ecolóxico e cultural. “A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, así como a biodiversidade e a conservación de hábitats protexidos”, afirmou.

Esta tarde, o tema a tratar será ‘A Sanidade do castiñeiro e da castaña’, a cargo da profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Fina Lombardero Díaz.

O mércores 15 de novembro o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Roque Julio Rodríguez Soalleiro dará unha charla sobre ‘A Creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira’.

O xoves 16 de novembro o profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Juan Luis Fernández Lorenzo, abordará a ‘Conservación de recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, árbores monumentais’.

O luns 20 de novembro o tema a tratar será ‘Material vexetal na produción da castaña: aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro’. Será Beatriz Míguez Soto, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a encargada de impartir a conferencia.

O martes 21 de novembro o xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García, falará sobre a ‘Comercialización e industrialización da castaña. A Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”’.

O último día das xornadas, o mércores 22 de novembro, o Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, impartirá a conferencia ‘Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña’.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com