A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo pídelle ao Concello un paso de peóns na intersección da Avenida da Coruña coa rúa Río Narla nese cruzamento que vai cara á Avenida Reverendo
José Fernández ante as queixas dos veciños do barrio.
“Trátase dunha zona densamente poboada e que actualmente supón un perigo para peóns (xa que os pasos máis próximos atópanse moi afastados do cruzamento mencionado), e dado que é unha zona na que conclúe moito tráfico, polo que solicitamos que se instale un novo paso de peóns semaforizado para regular o tráfico peonil e rodado e así mellorar a seguridade viaria da zona”, anunciaron.
Segundo a asociación, os veciños da rúa Río Cabe tamén piden un paso de peóns á altura do número 20 xa que nesa rúa só existe un paso de peóns no cruzamento coa rúa Perpetuo Socorro e outro no cruzamento con San Lorenzo, polo que para cumprir as normas e cruzar polo pasos habilitados teñen que percorrer toda a rúa.
“Dada a alta importancia das nosas peticións, xa que repercuten no desenvolvemento da vida diaria de multitude de persoas, e no perigo que supoñen a carencia destes pasos de peóns nas mencionadas rúas, agardamos, por parte dos titulares da concellería de Infraestruturas do Concello de Lugo, a mesma resposta e realización na maior brevidade
posible”, conclúen nun comunicado.