Dende a Xunta de Persoal do HULA denuncian unha vez máis a situación no servizo de Urxencias. “O caos repítese, hai doentes amontoados nos corredores en espera de ingreso”, sinalan dende o organismo.
“O venres día 10 quedaron nos corredores e nas salas pendentes de ingresar na observación ata o sábado pola tarde. Hoxe hai 16 doentes nos corredores, 14 para observación e 2 para ingreso nas prantas. Esto provoca situacións extremas con resultados moi indesexados para a dignidade dos enfermos”, aseguran.
Tamén se queixan de que toda esta situación estana a vivir “sen reforzar o persoal, co que a carga de traballo é excepcional para as profesionais”.
Dende a Xunta de Persoal esixen á Dirección “que poña solución dunha vez, e non pequenos parches no momento en que se denuncia, xa que estas situacións prodúcense con demasiada frecuencia”.