O PSdeG pedirá no Parlamento Galego prazos e orzamentos para desbloquear e acometer a Vía de Alta Capacidade Costa Norte. A deputada Patricia Otero reclamaralle á Xunta no vindeiro Pleno da Cámara previsións concretas para as obras e, por outro, nos vindeiros días os socialistas rexistrarán emendas ao Orzamento 2024 para que, entre outros investimentos, inclúa partidas económicas suficientes para acometer esta infraestrutura.
Así mesmo, O PSdeG pídelle á Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, “que deixe de mentir e de botarlle á culpa aos demais”, porque, “se ten paralizada a Vía de Alta Capacidade, é porque quere e porque castiga á Mariña”.
O PSOE asegura que o PP ten parada a vía porque “ano tras ano consigna partidas económicas nos Orzamentos da Xunta que nunca executa”. “En vez de desbloquear os 9 tramos que aínda quedan pendentes, o Goberno galego trata de responsabilizar á Alcaldesa viveirense, que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta pola Xunta e coa que racharan o consenso no proxecto orixinal para a Ponte de Viveiro”, afirman os socialistas.
Para o PSdeG, o feito de non continuar desenvolvendo esta vía supón “seguir marxinando ás comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal, deixándoas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo”.