A Fundación CEOE, Cáritas Diocesana de Lugo e a Confederación Empresarial de Lugo (CEL) organizan para este venres 17 de novembro o encontro ‘Radiografía do mercado laboral en Sarria: que oportunidades e desafíos presenta?’
Con formato mesa redonda, o encontro terá lugar no Hotel Alfonso IX de Sarria de 19.00 a 21.00 horas, e contará coas achegas de Amparo González, directora de Cáritas Diocesana Lugo; Ricardo Arias, presidente da Asociación de Comerciantes e Industriais de Sarria; Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalaría e Turismo de Lugo e de Galicia; Consuelo López, responsable de Gandaría Quitián e César No Cortiñas, responsable de Marketing de Galimplant.
De explicar os obxectivos e características de EmpleaLab encargaranse o coordinador de Emprega Lab na Fundación CEOE, Miguel Anxo García, e a secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez. O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, participará tamén neste evento.
O encontro inscríbese no marco do proxecto EmpleaLab, xestionado por Cáritas e financiado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
EmpleaLab, un proxecto piloto de investigación e inclusión social ten un dobre obxectivo: mellorar a empregabilidade das persoas participantes (perceptores de IMV e persoas en situación de vulnerabilidade) e facilitar ás empresas a cobertura dos seus postos de traballo vacantes.