O Grupo Parlamentario do BNG presentou ante o Parlamento galego unha lista de iniciativas ante a situación de crise na que se atopa o Campus Terra de Lugo, logo de compartir opinións nunha xuntanza aberta cos colectivos afectados.
A parlamentaria Olalla Rodil indicou que “materializar estas mudanzas suporía un durísimo golpe para un campus, como o de Lugo, especializado na formación e xeración de coñecemento arredor das ciencias da terra”.
Para a parlamentaria cómpre tamén “ter en conta a realidade demográfica de Lugo e a falta de infraestruturas que lastran, dende hai décadas, o seu desenvolvemento; polo que o Campus debera ser obxecto de medidas de discriminación positiva por parte do Goberno galego e non, como acontece, de esixencias cada vez máis duras para poder manter o seu funcionamento”, explicou Rodil.
Por todo isto, o BNG presentou unha batería de iniciativas nas que pide ao Goberno da Xunta “paralizar calquera intento de recorte no mapa de titulacións e modificar a obriga de contar con 45 estudantes de novo ingreso como esixencia para mantelos, todo isto potenciando campañas públicas encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos graos ofertados”, insistiu Olalla Rodil.
Para o BNG “o campus de Lugo representa un espazo de investigación e innovación de enorme valor para o tecido produtivo da provincia, razón pola que todos os esforzos deben centrarse na súa promoción e na garantía do seu funcionamento”.