A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos de renovación das pasarelas peonís da estrada de Ombreiro, en Lugo. Unhas obras que realiza a empresa pública Tragsa, e que teñen un prazo de execución de dous meses.
En concreto, a actuación consiste na retirada do antigo pavimento, a reposición dos elementos de suxeición da estrutura e as táboas das pasarelas en dous tramos dun total de 150 metros, para a que se usará madeira de pino tratada. O investimento nestes traballos ascende a 18.000 euros.
Esta infraestrutura dá servizo ao paseo do río Miño, unha ruta periurbana que descorre á marxe esquerda do río ao seu paso por Lugo e que vai tamén paralela á estrada de Ombreiro. Trátase dunha ruta moi transitada pola veciñanza e a actuación servirá para mellorar a seguridade nesta zona, moi empregada por ciclistas, afeccionados ao atletismo e persoas que se achegan a pasear.