Os concelleiros do PP de Castroverde están a manter contacto directos cos veciños de todo o municipio polo mal estado dos camiños, “unha queixa xeneralizada en todo o concello”, subliñan.
Os populares explican que estes camiños municipais están “cheos de fochancas” e atópanse “sen rozar” e, polo tanto, causan prexuízos aos residentes nos labores do seu día a día.
Nese sentido, convidan ao alcalde a “atender as necesidades dos veciños” e a xestionar “debidamente” os camiños e pistas do municipio para favorecer as comunicacións dos habitantes.
Segundo o PP, outra das queixas que lles trasladaron os veciños, concretamente os da parroquia de San Andrés de Barredo, é a relacionada coa instalación da fibra óptica: “quedou abandonada sen rematar causando un gran trastorno para autónomos, empresas e estudantes”.