O Concello de Vilalba tomou a decisión de iluminar as dársenas da estación de autobuses “como solución provisional ante a inacción da Xunta de Galicia”.
“Desde hai días é perigoso acceder e camiñar pola zona da parada dos autobuses a partir das seis da tarde porque non hai luz na estación. As competencias das instalacións son da Xunta, pero temos que darlle unha solución aos veciños e veciñas”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco,.
Rouco remitiulle o luns unha carta ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, na que lle informaba de que a estación de autobuses está sen luz e do perigo desta situación, polo que lle reclamaba que as instalacións teñan “unhas condicións normais de uso”.
Ante a falta de resposta por parte do goberno autonómico, o concello tomou a decisión de dotar de iluminación a zona da dársena da estación, á espera da actuación da Xunta.