O PP de Monforte defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que os centros para a terceira idade e discapacitados se teñan en conta á hora de tarificar o cobro da auga como un uso especial, ao igual que ocorre co Hospital comarcal ou as industrias do polígono.
A voceira popular Katy varela recorda que, xa se presentou no pleno de outubro, en forma de emenda á modificación da ordenanza reguladora das taxas de abastecemento de auga e recollida de lixo, pero que o goberno local rexeitou nese momento alegando que “necesitaban tempo para valorar a proposta”.
Nesta ordenanza regúlase un uso especial. Katy Varela explica que o apartado C recolle os usos especiais da cota tributaria, unha tarifa especial para determinados centros, como son o Hospital comarcal, os colexios e as industrias do polígono. “Consideramos que dentro deste apartado deben incluírse os centros para a terceira idade e discapacitados por dous motivos, pola importante labor que realizan e porque teñen un gasto de auga importante”, sinalou.