O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco anunciou hoxe a lista de persoas e entidades recoñecidas en Galicia coa Menina pola súa loita pola igualdade. Estes recoñecementos entréganse anualmente con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, para remarcar o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Este ano acadan a súa sexta edición consecutiva.
De acordo co fallo do xurado, a Menina concedida este ano na provincia da Lugo é para o proxecto ‘Mulleres de Lugo’, impulsado pola comunidade educativa dos IES Anxel Fole e Virxe dos Ollos Grandes da capital. Ambos centros promoveron un traballo de investigación que se traduciu nun calendario escolar para visibilizar, nos centros de ensino da contorna, o papel de mulleres lucenses en campos como o activismo, a ciencia, a literatura, as artes escénicas ou a política.
Nesta provincia, ademais, o xurado acordou entregar unha mención honorífica á policía nacional Cristina Castro, pola súa traxectoria profesional e dedicación estando destinada na Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría de Lugo.
A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar na tarde do vindeiro martes, día 21 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, na semana do 25N.