A Concellería de Educación do Concello de Lugo reclamará á Xunta de Galicia unha mellor planificación das obras a executar nos colexios públicos da cidade. Segundo a Concellería, o Colexio Paradai, “onde a Xunta vén de investir máis de 900.000€ na rehabilitación integral do centro”, presenta goteiras no pavillón, “un problema notificado pola dirección do centro desde hai anos”.
Desde a área de Educación reclaman á Xunta que actúe en serio para mellorar o confort do estudantado e profesorado do centro, mellorando tamén as condicións xerais da instalación; e garantindo a boa usabilidade de todas as dependencias do colexio, incluíndo o pavillón, que debido ás goteiras e á acumulación de auga no interior pode sufrir restriccións de uso nas xornadas de choiva.