Estacionamentos Lucenses S.L., titular do aparcamento da rúa Ánxel Fole, e a Asociación Lugo Monumental asinaron un convenio cuxo fin último é mellorar a accesibilidade ao centro histórico da cidade mediante a práctica de regalar horas de aparcamento aos clientes dos establecementos asociados.
Para a Asociación é vital mellorar as posibilidades de que os establecementos poidan ofrecer horas aos seus clientes por unha determinada compra mínima (que cada local fixará de acordo aos seus propios criterios) e así vencer as posibles reticencias que os lucenses poidan ter para acudir ao centro histórico.
Segundo a Asociación, o convenio asinouse “co aparcamento máis amplo, máis cómodo e con mellores accesos do recinto amurallado” e agradece a Estacionamentos Lucenses “a súa vontade de colaborar co tecido empresarial do centro histórico”.
Experiencia piloto
Esta primeira experiencia contará coa participación dun mínimo de 25 locais que, para a próxima campaña do Nadal, entregarán aos clientes que estacionen no aparcamento da rúa Ánxel Fole os vales de aparcamento que consideren convenientes aplicando as súas propias políticas comerciais.
Os vales son acumulables, polo que unha persoa que faga as súas compras en varios establecementos adheridos á campaña poderán obter non unha, senón varias horas de aparcamento para gozar do centro histórico.
Os vales teñen unha validez de sete días desde a súa emisión, polo que os portadores poderán usar os que lles sobre, se é o caso, durante unha semana e así volver ao centro.