O Concello de Ribadeo presenta dúas xeorutas nas Catedrais e na costa de Rinlo

O Concello de Ribadeo presentou esta mañá dous itinerarios de rutas xeolóxicas ao longo da praia das Catedrais e da costa de Rinlo, coas que quere mellorar os coñecementos dos visitantes sobre a orixe e as peculiaridades xeomorfolóxicas do seu litoral. O proxecto, listo para os visitantes a partir do día 15 de xullo, consiste en dous roteiros gratuítos a cargo de tres guías formados expresamente para esta tarefa dende o pasado inverno.

Os interesados en participar na iniciativa poderán apuntarse tanto a pé de praia e en Rinlo uns minutos antes de comezar a ruta, así como na oficina de turismo da vila e no punto de información turística das Catedrais. Ademais, tamén se poderá facer a inscrición na páxina web do Concello. Os grupos serán dun máximo de 15 persoas. O Concello agarda xuntar 510 persoas á semana na ruta das Catedrais – con 36 grupos – e 150 en Rinlo- con 10 grupos de mércores a domingo.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, destacou que o coñecemento da zona axudará á súa boa conservación, “sabemos que o concello de Ribadeo ten o casco vello, a praia das Catedrais, pero tamén ten unha costa marabillosa que escapou das gadoupas do ladrillo hai uns anos. Soubémola conservar e queremos que sexa non un valor de por si, que tamén o é, senón tamén unha fonte de riqueza, de turismo, e que atraia xente a Ribadeo, ás Catedrais e a todo o litoral, que é moi singular”.

O proxecto das xeorutas nace logo dunha experiencia formativa de guías levada a cabo o pasado inverno, unha aposta, segundo Ana Martínez, responsable de Turismo, polo desenvolvemento sostible. Das 40 persoas que se interesaron no curso –realizado en colaboración coa Universidade de Santiago- , 20 foron as que o realizaron e tres delas porán en práctica agora o aprendido mediante a súa labor nas xeorutas, para as que contan co apoio da Deputación de Lugo.

A edil nacionalista dixo “levamos tempo apostando pola formación e o coñecemento do litoral. Queremos apostar por un modelo de desenvolvemento local sostible e para iso debemos coñecer o medio, debemos saber e coñecer a nosa riqueza natural, patrimonial e paisaxística e facer un desenvolvemento turístico sostible e de calidade, que forme parte dun motor económico importante do noso concello”.

“Apostamos por unha conservación a través de medidas educativas, informativas, máis que restricións puras e duras, coñecendo o medio e valorándoo podemos protexelo e facer del algo con valor. Buscamos que a xente que veña a Ribadeo non só chegue, aparque e vexa a praia das Catedrais, senón que tamén saiba por que están aí os arcos e non noutro sitio, por que a formación rochosa deu lugar a esas figuras tan marabillosas”, recalcou Martínez.

As rutas terán como coordinador a Francisco Canosa, quen detallou algúns detalles dos percorridos: “Ámbalas dúas son rutas de pouca duración, de algo menos dunha hora e media, e con pouco máis de 3 quilómetros. Son rutas ben sinxelas e manexables para todas as persoas”.

Vanse facer ao longo da semana, no caso das Catedrais as visitas serán entre as 11 e as 14 horas de dous grupos pola mañá e doutros dous pola tarde entre as 17 e as 20 horas. E en Rinlo as visitas serán de mércores a domingo, de tarde, entre as 17 e as 20 horas.

“No caso das Catedrais preténdese concienciar á xente de como se formou esa marabilla xeolóxica con ollos de xeólogo, chamar a atención sobre as cousas que poden pasar desapercibidas cando andamos pola praia e tamén explicar qué procesos deron lugar aos arcos, a súa cronoloxía e que lugares poden no futuro xerar novos arcos. O percorrido vai dende a praia á enseada de Esteiro”. O roteiro levará o nome de Xeoruta dos Arcos.

“No caso de Rinlo preténdese ver como as actividades económicas que había na zona, como as cetarias, aproveitaron as singularidades da costa para establecer estas industrias. Imos ver a conexión da xeoloxía co aproveitamento dese recurso para o cultivo do marisco”, engadiu Canosa. O nome escollido para o percorrido pola costa de Rinlo é Xeoruta dos Ollos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com