A Deputación fai público o seu plan de orzamentos para o 2024, que superarán os 116 millóns de euros

Esta mañá a Deputación de Lugo fixo públicos os orzamentos provinciais para o ano 2024, que ascenden a 116.498.926,82€, o que representa unha subida dun 5,32% con respecto ao deste ano, grazas aos investimentos conseguidos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea.

O vindeiro martes 28 de novembro terá lugar o debate onde serán sometidos a votación, e dende a Deputación contan con que poidan entrar en vigor a primeiros de ano.

José Tomé subliñou que son uns presupostos “realistas e útiles”. Segundo Tomé, son uns presupostos que “van dar un novo impulso ao proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia”, centrado en “achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e en promover a actividade económica”. “Son uns presupostos bos para a provincia, cos que demostramos que é posible outro Goberno para Galicia”, recalcou o presidente da Deputación.

Dende a Deputación afirman que este orzamento é tamén “profundamente social”, xa que lle dedican a esta área un terzo do total do presuposto, ata alcanzar os 38 millóns de euros, “o que supón un 3% máis ca neste ano”.

En canto ao funcionamento e á ampliación da rede de Centros de Atención a Maiores, a Deputación destinará arredor dos 11 millóns de euros. Así mesmo, destinará uns 3,4 millóns de euros para manter o Servizo de Axuda no Fogar dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e fondos para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas. 1,3 millóns de euros destinaranse ao tecido social vinculado co terceiro sector para manter a rede de apoio que ofrecen ás persoas que máis o necesitan.

No ámbito social, tamén se mencionou o acordo conseguido co Goberno do Estado para crear un Centro de Acollida de Protección Internacional no antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, o primeiro destas características en Galicia.

Ademais, anunciouse a posta en marcha do programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, un novo plan con novas medidas específicas fronte ao reto demográfico que estará financiado con fondos europeos. “Trátase de ofrecer un apoio integral ás persoas que se trasladen a vivir ao rural; atraer novos habitantes con axudas ao alugueiro de vivenda; e favorecer o aproveitamento de terras e a diversificación de cultivos”, explicou Tomé.

As políticas de emprego contarán no 2024 con 4 millóns co obxectivo de favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación, e ás vinculadas coa igualdade suben un 10%.

Os fondos para a o ensino público sumarán preto de 3 millóns de euros, un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Aproveitou Tomé para facer unha advertencia ao reitor da USC:  “o nivel de colaboración que temos dependerá de que se manteñan as titulacións do Campus Terra. De feito, o convenio de colaboración por 370.500 euros non vai nos orzamentos como nominativa, pois dependerá de se a universidade mantén as titulacións”.

O plan de cooperación cos 67 municipios da provincia aumenta no 2024 ata os 21,75 millóns de euros, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”.

A mellora da mobilidade centra outro dos grandes obxectivos dos Orzamentos para o ano 2024, segundo afirma a Deputación. As partidas para estradas provinciais e municipais increméntanse un 11%, acadando os 20 millóns de euros no 2024.

O apoio da Deputación aos sectores produtivos “gaña peso” no Orzamento 2024 con partidas que suman 11,3 millóns de euros, un 7,6% máis ca este ano, para actividades “estratéxicas”, como a agrogandeira, forestal, mar, economía verde, comercio, hostalería e turismo. No caso do sector primario, a Granxa Gayoso Castro, referencia en políticas públicas de apoio á gandería, conta cun orzamento de case 2 millóns de euros. As accións vinculadas co turismo contarán con 3 millóns de euros.

Tamén se destinarán 3,8 millóns de euros á área de medio ambiente, para a posta en valor do patrimonio natural da provincia e o desenvolvemento da economía verde.

O orzamento contempla 4,1 millóns de euros para a área de Deportes, encarados a fomentar a actividade deportiva, que se canalizan, fundamentalmente, a través do apoio a clubs e entidades deportivas.

A área de Cultura, Patrimonio e Normalización Linguística contará cun presuposto de 1,1 millóns de euros para a actividade organizada pola propia área. Dentro da estrutura da área de Cultura, a Rede Museística conta cun orzamento total de 3,65 millóns de euros.

O Centro de Artesanía e Deseño conta de cara ao 2024 cun orzamento de 1.445.000 €, destinado ao funcionamento do propio centro. Máis de 330.000 euros destinaranse a dar continuidade a actividades e proxectos de apoio e promoción da artesanía.

Os orzamentos de 2024 avanzan tamén na consolidación dunha partida específica para Memoria Histórica dentro das contas provinciais.

En cánto á área de Rural, Mar e Mocidade, contará cun orzamento total de 1,8 millóns de euros para seguir traballando nas liñas estratéxicas que se foron consolidando no mandato pasado, como o programa O que non arde ou Da Escola á Granxa. O orzamento tamén prevé o reforzo da colaboración con entidades que traballan na promoción das razas autóctonas e do asesoramento rural. Ademais, a área de Rural prevé afondar no apoio á comercialización das producións agrogandeiras.

No que ten que ver con Mocidade, manterase unha colaboración activa con asociacións e colectivos culturais con proxectos como o festival Osa do Mar ou a Asociación Camiña, centrada inclusión social e laboral de persoas con capacidades diferentes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com