A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza, co apoio da Xunta de Galicia e no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, a xornada informativa ‘Mercado laboral: o reto do emprego’ na que se abordará, da man de expertos e representantes empresariais, e desde diferentes puntos de vista, o impacto da última reforma laboral na contratación, así como o problema de dificultades para a cobertura de vacantes de traballo nas empresas, especialmente en determinados sectores.
A xornada celebrarase mañá de 10.30 a 12.30 horas na Sede Central de CEL, situada na Praza de Santo Domingo.
No programa contarán coa participación do xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Lugo, Nicolás González Raposo, que será o encargado de analizar o novo escenario de contratación; Noel Muiños, director da delegación de ADECCO en Lugo, que abordará o reto das vacantes desde unha visión xeral e Javier Romay, director comercial do Grupo Isonor, que analizará o impacto da formación como ferramenta de solución ao problema das vacantes.
A maiores, o encontro inclúe un panel sectorial conformado por representantes das asociacións empresariais provinciais de hostalaría, construción e transporte de mercadorías que, moderados pola responsable dos servizos xurídicos da CEL, Lourdes Pardo, exporán a súa problemática particular en relación á nova situación do emprego.