Os Concellos de Burela e Mondoñedo recibiron hoxe a Bandeira Verde de Galicia, entregada pola Xunta para recoñecer a súa aposta polas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe coa posta en marcha de distintas iniciativas con esta finalidade.
O Concello de Burela é a primeira vez que recibe este recoñecemento grazas a accións centradas na recuperación e valorización de residuos mariños, a habilitación de composteiros domésticos, a instalación de enerxía fotovoltaica para autoconsumo na Casa do Concello, a planificación e deseño de hortos urbanos, o Plan de acción para o clima e a enerxía sostible ou a substitución do alumeado público por tecnoloxía LED.
No caso de Mondoñedo, obtén o distintivo por terceiro ano consecutivo froito de numerosas actuacións responsables como, entre outras, a aposta pola compostaxe, a celebración de obradoiros de reciclaxe, a instalación de colectores para bolsas de biorresiduos ou accións para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público exterior no casco histórico da localidade.
As bandeiras verdes son un distintivo creado pola Xunta de Galicia en 2020 para dar visibilidade ao esforzo que as entidades locais realizan na aposta por boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.
A concesión deste recoñecemento supón ademais un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural ou para recibir axudas autonómicas relacionadas coa xestión dos residuos a través de actuacións como a construción e mellora de puntos limpos fixos, a implantación de instalacións móbiles ou o impulso de proxectos de preparación para a súa reutilización.
Estes distintivos mostran o compromiso dos concellos coa protección do medio ambiente e coa xestión sostible dos recursos, unha cuestión coa que as entidades locais están cada vez máis comprometidas.