Este domingo ás 18.30 horas a capela de Santa María en Lugo acollerá os concertos Creadoras de Música organizados por Cantar Delas co apoio de Deputación. Con esta iniciativa pretenden dar voz ás mulleres que durante séculos foron silenciadas no ámbito da cultura e da sociedade.
“Na historia da humanidade faltan as páxinas das aportacións femininas á construción cultural e social. Mulleres escritoras, filósofas, pintoras, científicas e compositoras foron esquecidas, ignoradas e silenciadas por unha sociedade construída en masculino que relegou as mulleres a un papel secundario, negándolles o acceso á educación e atribuíndolles como rol fundamental o reprodutivo e o ámbito privado. Confinadas no xineceo do silencio, as mulleres compositoras e intérpretes foron invisibilizadas e, aínda hoxe, silenciadas. A ruptura do silencio pasa polo coñecemento e o recoñecemento do seu valor e capacidade creativa”, afirman nun comunicado.