Estudantado de Triacastela visitou o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras

Estudantado do CEIP Eduardo Cela Vila, de Triacastela, coñeceu esta semana o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras, elaboradas pola empresa DaVeiga. Esta visita enmárcase na segunda edición do programa Da Escola á Granxa da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante o percorrido comprobaron o proceso completo de creación deste “pan sen miga”. Comezaron a visita coñecendo a materia prima empregada para a súa preparación, posteriormente visitaron os distintos obradoiros de amasado e cortado, e fixeron unha parada nos fornos antes de deterse, finalmente, no embolsado. A visita rematou no almacén, onde coñeceron a historia destas galletas e a que deben o seu nome.

Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que Medio Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa e degustaron o produto.

DaVeiga é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa Da Escola á Granxa, entre os que se atopan granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas. Este programa permite que os máis pequenos se acheguen ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com