Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, convocou unha serie de mobilizacións en diferentes localidades do país ás que asistiron, segundo os organizadores, unhas 2000 persoas baixo o lema “Defendemos as montañas contra os gobernos e especuladores”.
O propósito nesta ocasión, resaltaban fontes dos organizadores, “foi resaltar o papel que a sociedade civil organizada veu xogando nos últimos tres anos na defensa das montañas e, en xeral, do territorio galego fronte ao actual espolio eólico, logo de ser traizoada e abandonada polos gobernos” (Estatal e autonómico).
En Lugo concentráronse máis dun cento de persoas e colectivos procedentes das comarcas da provincia máis ameazada pola invasión eólica, como son as plataformas do Alto Miño, a Terra Chá, Os Ancares e as que loitan contra o espolio eólico en Lugo e Castroverde. Organizacións ecoloxistas, sindicais e culturais de Lugo congregáronse diante do edificio multiusos de Lugo para berrar “Eólica Así Non” e “Non, non, non, á colonización”.
Leron o manifesto veciñas afectadas polos proxectos eólicos Boura, Monzón e Ventisca, que veñen de obter a declaración de impacto ambiental favorable por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e que ameazan con acadar proximamente autorización xunto cos proxectos eólicos de Levante, Monteiro ou Restelo, todos eles promovidos por Greenalia na provincia lucense.