Máis do 64% dos galegos e galegas dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas

Galicia creceu nestes dous últimos anos 2,5 puntos no indicador de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado. Segundo estes datos o 64,1% dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas, co que a Comunidade reduce a só dous puntos a súa posición respecto á media estatal. Ademais, o 36% dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais avanzadas, reducindo tamén a diferenza coa media estatal en dúas décimas. Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dos últimos datos publicados polo INE sobre Fogares e TIC, as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual da internet.

Os datos do INE sinalan tamén que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis porcentaxe de nenos e nenas de 10 a 15 anos usan internet. O 97,6% destes nenos usaron internet nos últimos 3 meses, case tres puntos por encima da media estatal. Tamén supera a media estatal o uso do computador entre os nenos galegos de 10 a 15 anos cunha porcentaxe do 94,7%. Ademais, a Comunidade ocupa un lugar destacado no uso da banca electrónica e das xestións en liña coa Administración.

Galicia mantén unha tendencia ascendente nos principais indicadores do uso das TIC, unha evolución que, sen dúbida, ten que ver co labor das 94 aulas da Rede de Aulas CeMiT.

Desde a súa posta en marcha en 2011, CeMIT leva programadas máis de 500.000 horas de formación e ten rexistrados máis de 113.000 usuarios. A Rede está a evolucionar a súa formación adaptándoa ás novas necesidades da transformación dixital e renovando o seu equipamento. Uso das TIC: compras, saúde, información, comunicación e banca dixital Os datos do INE sinalan que o 92,2% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos usan internet, que o 51% comprou en liña nos últimos tres meses e que o 18,8% vendeu por internet nese período, dato practicamente idéntico á media estatal (19,1%). Os 75% galegos de 35 a 44 anos compran en liña, a 6 puntos de diferenza da media estatal. Respecto ao tipo de compra, o 50,7%, compra algún produto en formato físico; o 38,9% fixo algunha subscrición en liña; o 27,8% contratou servizos para o fogar, transporte ou aloxamento; e o 23,5% contratou algún servizo de aloxamento.

Destaca o uso da banca en liña, que empregan o 76,9% dos galegos e as galegas, cun crecemento de cinco puntos no último ano, o que mantén este indicador cinco puntos por encima da media estatal. Equipamento no fogar e uso da internet O 80% dos fogares galegos dispoñen de computador, co que Galicia mellorou seis postos na clasificación de comunidades autónomas desde 2020 e pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

Tamén se supera a media estatal dos que descargan formularios oficiais para ser cubertos. En Galicia fixérono o 52,3% dos usuarios da internet nos últimos doce meses e en España o 49%. Ademais da descarga de formularios, os trámites máis frecuentes realizados en liña coa administración son: un 64,8% realiza algunha interacción relacionada coa información, o 52,3% acede a información persoal almacenada e o 50,3% solicita información para sobre servizos, prestacións ou impostos.

Este ano dotouse ás aulas de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de programación e drons e preto de 900 persoas de todas as idades xa se beneficiaron de formación con estes dispositivos. Tamén se impartiu un curso básico de IA, dirixido especialmente a persoas maiores de 55 anos, que se pechou a semana pasada con máis de 220 participantes e cun elevado grao de satisfacción. Ademais, están a renovarse 1.300 computadores de sobremesa, e adquiríronse 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

A previsión é completar a distribución deste novo material no primeiro trimestre de 2024.

Durante este ano a Rede ofertou máis de 48.000 horas de formación e para o 2024 está previsto unha nova edición do ciclo formativo de Intelixencia artificial e estase colaborando coa Federación Galega de Universidades Senior (FEGAUS) para levar a cabo ciclos formativos para persoas maiores con contidos baseados nas áreas do marco europeo de competencias dixitais e a posta en marcha dunha iniciativa sobre banca dixital.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com