Nova manifestación das traballadoras da limpeza

Este martes tivo lugar unha nova manifestación das traballadoras da limpeza que contou con delegadas e delegados da CIG de todas as provincias e sectores en apoio e solidariedade á loita que están a desenvolver as traballadoras da limpeza en demanda dun convenio digno. A mobilización desenvolveuse no día que se cumpren 58 xornadas de folga e na véspera dunha nova xuntanza coa patronal.

Con esta mobilización, que estivo precedida dunha asemblea, a CIG “fai un acto de solidariedade e apoio incondicional a unha loita que temos claro que imos gañar”, valoraba ao inicio da manifestación o secretario xeral da CIG, Paulo  Carril. Salientou a capacidade de resistencia das traballadoras nas súas xustas reivindicacións fronte a unha patronal intransixente e denunciou o papel das administracións -como poderes públicos e como principais contratistas dos servizos de limpeza-, ao consentir na situación de conflito que hai en Lugo e nas condicións de precariedade impostas polas empresas.

Carril rexeitou a actitude “intolerábel” de ASPEL, a asociación estatal que agrupa as principais empresas do sector, “que pretende estender a pobreza e a explotación laboral no noso país”. Esta estratexia de precarizar a negociación colectiva repítese no resto dos convenios da limpeza polo que, advertiu, as mobilizacións iniciadas en Ourense e Pontevedra poderíase intensificar nas próximas semanas.

Nesta liña, o secretario xeral da CIG tamén interpelou as administracións a que fagan cumprir a lexislación vixente e que haxa “unha actuación decidida para exixir de oficio que o SMI sexa unha realidade neste convenio colectivo”. Cómpre destacar que o convenio da limpeza de Lugo é un dos máis baixos do sector e coa actual oferta patronal as táboas seguirían quedando por debaixo do salario mínimo interprofesional.

Precisamente cando se está a negociar a suba do SMI, a CIG revindica que este se sitúe no 60% do salario medio, isto é nos 1253 euros/mes, conforme ao recollido na Carta Social Europea. Neste sentido Carril criticou que nas mesas do diálogo social se pretenda “facer o imposíbel” por incumprir a CSE e lembrou que o pasado mes de outubro, a CIG presentou unha reclamación colectiva perante o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) polo incumprimento do Estado español nesta materia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com