Abre o prazo para solicitar praza no programa Lugo Termal

A Deputación de Lugo abre hoxe o prazo para solicitar as 1.300 prazas do programa Lugo Termal, co que ofrece descontos de entre o 10 e o 20% nos catro balnearios da provincia, en Lugo, Pantón, Palas de Rei e Guitiriz, ao que incorpora nesta edición trala súa reapertura o pasado ano.

Está dirixido as persoas maiores de 50 anos, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que tamén terá a oportunidade de desfrutar dos descontos aínda sen ter a idade. Os requisitos que deben cumprir os solicitantes son: estar empadroados en calquera concello da provincia, valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria, á excepción de fillos que acudan en calidade de acompañantes, non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal actividade e convivencia nos establecementos, ou ter algunha contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.

As persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para solicitar os descontos ou ata que se esgoten as prazas.  Poden atopar o formulario de inscrición no Boletín Oficial da Provincia deste luns 15 de xaneiro, onde saen publicadas as bases do programa, ou ben a través da sede electrónica na páxina web da Deputación https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede. O documento deberá presentarse xunto coa fotocopia do DNI en calquera rexistro oficial ou a través da sede electrónica da institución provincial.

 Lugo Termal ofrece un total de 1.300 prazas (825 con estancia e 515, sen estancia) e, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias.

Modalidades

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión. O prezo é de 350,54€, dos cales a Deputación sufragará 110,55€. Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada, que será sempre os domingos, e tamén conta con servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos). Aplicaranse un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.

A modalidade sen estancia contempla dez días (de luns a venres) e o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 250 euros. Inclúe 30 técnicas termais como mínimo, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com