Esta tarde tomou posesión do seu cargo a nova alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, nun acto celebrado no Salón de Plenos do Concello. A penas unha hora despois de tomar posesión como nova alcaldesa, a nova rexedora avanzaba a configuración das áreas de Goberno que xestionarán as e os concelleiros socialistas.
Unha estrutura na que optou pola continuidade e que figurará recollida nun Decreto de Organización Municipal que mañá mesmo entrará en vigor.
O novo organigrama, no que figuran ás competencias que ten asignadas cada un dos membros que conforman o Executivo local, obedeceu – segundo a alcaldesa – “á vontade de manter o establecido ao inicio de mandato, introducindo só aqueles cambios que resultan necesarios para afrontar o relevo na presidencia da Institución, da maneira máis normalizada posible e, coma sempre, aproveitando os perfís políticos e profesionais dos compañeiros e compañeiras”.
A continuación, a mandataria lucense concretou as cinco áreas nas que se configura o Goberno: Alcaldía e Planificación de Cidade; Transición Ecolóxica, Xestión Integral de Recursos Internos; Dinamización Económica e Relacións Institucionais e Cohesión Social e Territorial. Das que desgranou a súa composición e titularidade.
Área de Transición Ecolóxica
Dende ela se afrontará a coordinación executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionados coas materias de protección do medioambiente e cambio climático, “un dos piares da nosa acción política e bandeira e signo de identidade deste Concello”, sinalou. Inclúe, así mesmo, a xestión enerxética eficiente; a de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria; parques e xardíns e zonas verdes; o Plan especial de protección do río Miño (PEPRIM); a vixilancia do acondicionamento e ornato dos espazos públicos e a xestión integral do ciclo da auga e as súas redes.
O seu titular seguirá sendo o tenente de alcaldesa Miguel Fernández que compatibilizará estas funcións co seu cometido como deputado provincial de Vías e Obras.
Área de Xestión Integral de Recursos Internos
Atenderá á coordinacion executiva e supervisión directa dos asuntos e actividades relacionadas coa contratación local, o fomento da actividade de interese público e patrimonio municipal, a xeración de recursos económicos; contabilidade; tesourería e recadación; facenda local e xestión e inspección tributaria, alén da xestión do persoal ao servizo da Corporación Local.
O encargado de dirixila será Pablo Permuy que adquire a condición de tenente de alcaldesa.
Área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais
Comprende o fomento e promoción da actividade económica; o fomento e promoción do comercio; a formación e fomento do emprego; as estratexias xerais de desenvolvemento local e os festivais musicais e de artes para ese mesmo obxectivo de desenvolvemento local, como pode ser o Caudal Fest.
O tenente de alcaldesa Mauricio Repetto será o Delegado desta área.
Inclúe a Concellería de Xuventude e Deportes entre cuxas responsabilidades figuran os servizos e actuacións que teñan que ver coa mocidade; a prevención das drogodependencias; a Casa de Música; as actividades de dinamización económica da xuventude, actividades, instalacións e equipamentos deportivos así como o fomento do deporte e, ao igual que agora, o ARDE LUCUS. Jorge Bustos se mantén como o seu edil.
Así mesmo, créase a Concellería de Relacións Institucionais, dirixida a fornecer a presenza e os lazos de cooperación da Administración con todo tipo de organismos, entidades públicas e privadas ou colectivos e asociacións; alcanzar acordos de colaboración con entidades de carácter supramunicipal, así como atender o exercicio de funcións relacionadas con materias derivadas de competencias doutras admininstracións que asumirá Lara Méndez.
Área de Cohesión Social e Territorial
Nela continúa a integrarse a promoción e atención á muller, á igualdade e á diversidade, a promoción da conciliación; as organizacións non gobernamentais; as minorías étnicas e inclusión social; a emigración e inmigración, os centros de dinamización rural e a dinamización e promoción sociocultural.
A tenenta de alcaldesa Ana González Abelleira será a delegada desta área que tamén asumirá a zona rural e será, ademais, a voceira municipal.
Dentro aínda da mesma área se mantén a Concellería de Benestar Social e Maiores á que corresponde a prestación dos servizos sociais e comunitarios, as instalacións e equipamentos de carácter social; os pisos de emerxencia social; o voluntariado social; os centros de convivencia, o Fogar do Transeúnte e a Casa Domótica, dos que continuará á fronte Olga López Racamonde.
Alcaldía e Planificación de Cidade
“Finalmente, pola miña parte – referiu a alcaldesa – no meu cargo como rexedora, alén de ter atribuída a coordinacion executiva e supervisión directa dos Proxectos Estratéxicos de Transformación da Cidade, así como da Axenda 2030 e dos fondos europeos, continuarei asumindo, dentro das miñas funcións, a dirección e xestión de Urbanismo”.
A rexedora dirixirá, así mesmo, o goberno municipal, a organización dos servizos administrativos e a representación institucional, especialmente de carácter protocolario.
Corresponderán igualmente á área de Alcaldía os órganos directivos da Secretaría de Pleno, o Órgano de apoio á Xunta de Goberno Local, a Asesoría Xurídica, a Intervención Xeral ou a Sección de Administración Municipal, entre outros.