Rego: “O tren nocturno era útil e debe volver conectar Monforte e Barcelona

Esta mañá na concentración convocada diante da estación de tren de Monforte de Lemos para reivindicar a recuperación do tren nocturno a Barcelona que foi suprimido polo Ministerio durante a pandemia, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego declarou que “débese repoñer esta conexión ferroviaria necesaria e útil para a comarca de Lugo sur”.

De forma simultánea, realizábase á mesma hora unha concentración en Barcelona diante da estación de Sans, na que participou a Responsábel do BNG da comarca de Lugo Sur, Rosana Prieto xunto con persoas da comunidade galega emigrante na capital catalá.

O Ministerio debe escoitar ás comarcas prexudicadas que queren o tren nocturno

En Monforte, acompañado de cargos institucionais e orgánicos do BNG, entre eles o Portavoz Municipal de Monforte, Emilio Sánchez,  Néstor Rego sinalou que esta mesma semana reclamou ao Ministro de Transportes na súa comparecencia no Congreso que rectificase a negativa do Ministerio para a reposición dos tren hotel  dando cumprimento ás demandas das comarcas prexudicadas.  “Os trens hotel que conectaban Galiza con Barcelona e con Madrid cumprían un servizo necesario para millares de emigrantes galegos e galegas”. Rego afirmou que “era unha conexión útil e debe volver a conectar Monforte e Barcelona”.

Ademais, subliñou, “era un factor de dinamización socio-económica das comarcas polas que pasaba como Lugo sur ou a comarca de Valdeorras. Non só se utilizaba para viaxar ao destino final: Madrid ou Barcelona, senón que se empregaba para a mobilidade entre as diferentes vilas e coas cidades”. Néstor Rego afirmou que nun marco no que “a UE chamou aos Estados membros a impulsar a mobilidade sustentábel como o mellor mecanismo de loita contra o Cambio Climático, o tren é o medio de transporte menos contaminante, ecolóxico e eficiente. Sen esquecer que en Europa se están a recuperar os trens nocturnos porque son unha alternativa para viaxar óptima para persoas que prefiren viaxar de noite e chegar pola mañá”.

O deputado do BNG criticou que se aproveitase a situación de pandemia e o confinamento para proceder aos recortes de servizos de tren en comarcas Lugo e Ourense que acumulan grandes deficiencias en materia ferroviaria e nas que se está, paulatinamente, desmantelando o transporte ferroviario

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com