Esta mañá o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, visitou o edificio “Impulso Verde” e eloxiou esta iniciativa municipal “todo un referente arquitectónico na loita contra o cambio climático, que ademais realiza unha función divulgativa e incentiva o uso da madeira como elemento estrutural na edificación”.
Na súa visita estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que tras o saúdo institucional, visitaron o inmoble acompañados polos responsables do proxecto que explicaron as particularidades da construción e a súa capacidade para reducir emisións.
A rexedora trasladou ao presidente a importancia estratéxica deste edificio dentro da política de diversificación industrial do municipio, que se sustenta en valores ambientais e pretende fomentar a economía circular. Alvarellos expresou ademais a súa satisfacción pola visita do Presidente Sánchez ao primeiro edificio público construído con madeira de Galicia e reafirmou o compromiso da Administración local co desenvolvemento sostible. No acto tamén participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o secretario xeral do PsdeG, Valentín González Formoso, así como o resto de concelleiros de grupo de goberno e portavoces da Corporación.
A continuación Pedro Sánchez achegouse ata o auditorio da facultade de veterinaria para acompañar a José Ramón Gómez Besteiro nun salón de actos abarrotado e onde ambos apelaron ao voto dos indecisos para que todo o mundo acuda a votar e que segundo as palabras do Presidente do Goberno “con un presidente en Moncloa y otro en la Xunta, Galicia no rueda, Galicia vuela”.